29 Abr, 2026

Un sector responsable que aposta polo futuro

 

Baixo o lema “Responsabilidade e impacto”, o Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar GSSG (Global Sustainable Seafood Galicia Forum) celebrou en Vigo a súa cuarta edición o pasado 28 de abril. O acto de inauguración correu a cargo do presidente da Fundación Nova Pescanova, José María Benavent, e no mesmo tomaron parte a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime. No acto tamén estivo o delegado do Gobierno en Galicia, Pedro Blanco.

Con máis de 350 asistentes (presencial e en liña) de máis de vinte países, o Foro GSSG avanza como cita referente do debate global e intercambio de coñecemento sobre sostibilidade da pesca e acuicultura, reflectindo a realidade dun sector responsable que aposta polo futuro.

Durante o acto de inauguración, a conselleia do Mar, Marta Villaverde, destacou o papel de Galicia como referente internacional na xestión responsable dos recursos mariños, nun contexto no que a sostibilidade se consolida como un dos grandes retos globais. Villaverde sinalou que pesca e acuicultura sostibles deben avanzar da man da preservación do medio mariño.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, afirmou que Vigo representa a sostibilidade na pesca e o coidado dos mares, poñendo en valor a cuarta edición do Foro GSSG e as alianzas e cooperación internacional que iso representa na procura da sostibilidade da pesca e a acuicultura.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Nova Pescanova, José María Benavent, lembrou que o Foro GSSG busca o debate transparente, tendo en conta a eficiencia do sector, pero sen esquecer un instante que a boa actuación ten consecuencias positivas na sociedade e o planeta.

No acto de inauguración tamén participou a secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, para quen o sector dos produtos do mar avanza cara a un modelo no que a responsabilidade marca a acción e o impacto mide os resultados.

Expertos internacionais e diferentes perspectivas

O foro comezou coa posta ao día do programa Transformación azul por parte da experta da FAO Diana Fernández da Reguera, quen destacou, para as próximas décadas, o papel da acuicultura sostible –de rápido desenvolvemento– para alimentar á crecente poboación do planeta, apuntando que o programa Transformación Azul achega as guías e ferramentas para impulsar o crecemento de xeito sostible.

Na primeira mesa, “Pesca responsable e impacto”, Rupert Howes, director executivo de MSC, Juan Corrales, asesor do Grupo Tri Marine, e David Carter, CEO de Austral Fisheries, mostraron como os esquemas de certificación de terceira parte axudaron ás industrias para mellorar a xestión pesqueira, que, no caso do atún, tradúcese en máis do 90% das capturas procedentes de pesqueiras sostibles. O éxito da industria baséase en dereitos pesqueiros sólidos e estables para traballar no longo prazo e desde o compromiso coas comunidades, apuntouse. Moderou a mesa Marcelo Hidalgo, director de Operacións da Asociación de Industria Pesqueira de Papúa Nova Guinea.

Na mesa seguinte sobre “Acuicultura responsable e impacto”, Simone Maridueña, coordinadora Ambiental da Cámara Municipal de Acuacultura de Ecuador, lembrou que o manglar é un aliado da acuicultura, capturando e almacenando grandes cantidades de dióxido de carbono. O profesor de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, Gianluca Marino, analizou os límites e oportunidades da acuicultura e o carbono azul. A mesa redonda estivo coordinada polo director corporativo de Sustentabilidade e RSC do Grupo Nueva Pescanova, Nuno Cosme.

Sobre “Emprego e desenvolvemento socioeconómico”, tema da terceira mesa, a alcaldesa de Lüderitz, Brigitte Fredericks, ilustrou como unha industria pesqueira potente, co compromiso da política, foi capaz, nos 90, de converter un pobo abandonado de 2.000 habitantes nunha poboación de máis de 20.000. O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago, Gonzalo Rodríguez, mostrou a relevancia da industria pesqueira para fixar poboación ao territorio e xerar compromiso de futuro. Moderou a mesa Eduardo Míguez, director adxunto do Grupo Porto de Celeiro.

Millóns de toneladas de alimentos desperdícianse ao longo da cadea de valor ata o consumo. Na cuarta mesa “Consumo responsable e impacto”, Paloma Sánchez, Directora de Sostibilidade de FIAB, Ricardo Castro, Xerente de Calidade e Medio Ambiente en Vegalsa-Eroski, e Nuria de Pedraza, Directora de Comunicación de AECOC, debateron sobre como xestionar a eliminación do desperdicio alimentario, un feito que mingua considerablemente o esforzo colectivo do sector.

As Áreas Mariñas Protexidas aseguran a saúde do océano e o futuro do sector. Na quinta mesa sobre “Ciencia responsable e impacto”, Fanny Douvere, responsable de Planificación e Xestión Sostible dos Océanos en COI-UNESCO, explicou o papel das devanditas áreas para protexer os ecosistemas, conservar a biodiversidade e recuperar as especies. Pola súa banda, o investigador do IEO-CSIC, David Díaz, expuxo algunhas experiencias de éxito destas zonas protexidas no Mediterráneo. A mesa posterior foi moderada pola directora de CETMAR, Rosa Chapela.

A última sesión ofreceu unha reflexión sobre a economía de impacto a cargo de Gerbrand Haverkamp, CEO de World Benchmarking Alliance, quen animou ao sector, en tempos volatilidade xeopolítica, a proxectar a longo prazo e perseverar nas boas accións: “Sigan falando publicamente do seu impacto –sobre o clima, a natureza e as persoas–, e de como iso repercute nos seus negocios: mostrar esta interdependencia e o que fan ao respecto é a forma máis poderosa de construír a economía de impacto, onde responsabilidade, rendición de contas e persistencia para mellorar o impacto sexan a base do éxito empresarial”.

A xornada ramatou cun repaso das principais conclusións polo codirector do Foro, Ángel Matamoro, e as intervencións do presidente da Fundación Nova Pescanova, José María Benavent, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Isaac Rosón.