A segunda edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar (GSSG) clausurouse na sede Afundación de Vigo o pasado 12 de novembro, tras dous días de debate experto sobre sostibilidade mariña. Expostas as conclusións do foro, o presidente da Fundación Nueva Pescanova, José María Benavent, e do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Antonio Basanta, pecharon oficialmente o encontro.
O segundo Foro GSSG celebrouse os días 11 e 12 de novembro baixo o lema Unha visión asimétrica da sostibilidade. Durante dous días, Galicia converteuse en epicentro do diálogo global, achegando o debate sostible ao escenario real da actividade pesqueira, acuícola e de transformación dos produtos do mar.
Durante a clausura do evento, o presidente da Fundación Nueva Pescanova, José María Benavent, adestacó como “o contraste de perspectivas permite avanzar, e o foro incidiu especialmente na idea de contraste”, en alusión á idea de asimetría.
Tras percorrer brevemente os distintos enfoques da sostibilidade debatidos no encontro, José María Benavent exhortou ás grandes e pequenas compañías a “traballar xuntas na defensa dun sector relevante, social e economicamente, que nunca deixou de perseguir a sustentabilidade ambiental”. Destacou ademais o importante papel que xoga o financiamento azul para avanzar no obxectivo común da sostibilidade do sector, e concluíu referíndose ao foro: “Desde Vigo, cumprimos o obxectivo de facer que Galicia atraia e lidere o diálogo global sobre sostibilidades de produtos do mar”.
O presidente da Fundación Nueva Pescanova (esq.) e o conselleiro do Mar (dta.) inaugurando o II Foro GSSG.
Pola súa banda, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, definiu o foro GSSG como un avance verdadeiro en materia de sostibilidade, e mostrouse “convencido de que se consolidará como un valioso instrumento co que gañar ao futuro”, sobre a base dun sector “que ten a maioría de idade para actuar de forma responsable”.
Punto de encontro ineludible
O foro inaugurouse o luns 11 de novembro coa presenza do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen o cualificou de “punto de encontro perfecto onde se dá cita o conxunto da cadea mar-industria galega co obxectivo común de preservar os recursos mariños xerando valor económico e social”.
Villares destacou que o foro volveu a traer voces de relevancia a Galicia, “que ten moito que dicir desde o seu liderado global no ámbito marítimo-pesqueiro”. No acto de inauguración tomou parte, ademais, Carola González Kessler, subdirectora xeral de Acuicultura e Comercialización Pesqueira do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
A visión da sostibilidade dos grandes e pequenos actores, o acceso ao financiamento azul e o futuro dos océanos centraron os temas principais da segunda xornada do encontro. Un día antes, tratouse o informe SOFIA 2024 da FAO, a visión asimétrica Norte-Sur e a regulación en materia de sostibilidade.
Un total de catorce expertos internacionais estiveron presentes na segunda edición, representando a institucións, asociacións, entidades de investigación e empresas líderes do sector.
Os profesionais achegaron diferentes visións e perspectivas sobre a situación, as prioridades e os desafíos aos que se enfronta o sector da pesca e a acuicultura na procura da sostibilidade, consolidando un fito para sumar no calendario internacional do debate global.