A terceira edición do Foro GSSG reunirá en Vigo, o vindeiro 28 de maio, a vinte e un expertos internacionais en sostibilidade mariña.
A terceira edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar (GSSG), que terá lugar o 28 de maio, reunirá en Vigo a vinte e un expertos –nacionais e internacionais– para seguir proxectando o futuro do sector. Voces destacadas de organizacións diversas debaterán, desde diferentes perspectivas, acerca de A medición da sostibilidade, lema deste novo encontro. Coa terceira edición, o foro GSSG consolídase como cita internacional en materia de sostibilidade dos produtos do mar.
A xornada preséntase repleta de contido, arrincando coa presentación do Informe sobre o estado do Océano 2024 de UNESCO a cargo do seu representante Emma Heslop, para concluír coa visión de Europa que ofrecerá Antonio Basanta en representación do Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea.
Por terceiro ano consecutivo, Galicia –rexión líder en pesca, acuicultura e transformación de produtos do mar– consolida o seu papel referente no diálogo global sobre sostibilidade, achegando o debate alí onde se produce a actividade.
O Foro é unha iniciativa da Fundación Nova Pescanova, co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Nova Pescanova e Abanca.
Anteriores edicións
A segunda edición do Foro GSSG, que tivo lugar en novembro de 2024 baixo o lema Unha visión asimétrica da sostibilidade, reuniu en Vigo a catorce relatores internacionais e contou cunha participación –presencial e en liña– de máis de 300 rexistrados de vinte e cinco países.
A sostibilidade dos produtos do mar é unha meta hoxe compartida por todos os actores da cadea de valor, e o camiño para chegar a ela é a actuación responsable: iso implica preservar os recursos naturais para proveito de xeracións presentes e futuras, asegurando o beneficio social e económico.
Con todo, non todos os actores da cadea de valor parten da mesma posición. Desde esta visión asimétrica, a segunda edición do foro GSSG lanzou conclusións destacadas: o futuro do sector está en preservar a saúde do océano; a resposta aos retos ambientais esixe unha imbricación coa ciencia, a investigación e a divulgación; para gañar o futuro é necesaria a cooperación e o traballo conxunto.
Pola súa banda, na primeira edición de GSSG celebrada en abril de 2023, expertos do sector compartiran coñecemento e debate acerca da sostibilidades e rastrexabilidade dos produtos do mar, da contribución da industria á Axenda 2030 da ONU e das finanzas sostibles.
Entre as principais conclusións daquela primeira edición destacouse a importancia do diálogo, a transparencia e o traballo conxunto do sector dunha forma equitativa, inclusiva e resiliente, así como a relevancia da investigación. O camiño cara á sostibilidade require de ambición para contribuír ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) marcados na Axenda 2030 da ONU, insistiuse.