14 Out, 2024

O segundo foro GSSG achega o diálogo global sobre sostibilidade a Galicia

O Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar GSSG (Global Sustainable Seafood Galicia Forum) celebrará a súa segunda edición os días 11 e 12 de novembro de 2024 na sede Afundación Vigo baixo o lema Unha visión asimétrica da sostibilidade. Un total de 14 expertos procedentes de distintos países compartirán en Vigo a súa visión e experiencia sobre a sostibilidade mariña.

O foro GSSG persegue converter Galicia, rexión líder en pesca, acuicultura e transformación de produtos pesqueiros, e España nun referente internacional no diálogo global sobre sostibilidade, achegando o debate alí onde se produce a actividade pesqueira, acuícola e de transformación dos produtos do mar.

O Foro é unha iniciativa da Fundación Nova Pescanova, co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Nova Pescanova e Abanca.

Primeira edición

A primeira edición de GSSG tivo lugar en abril de 2023 en Vigo, con preto de 300 asistentes (presenciais e en liña). Un total de vinte e un expertos do sector compartiron coñecemento e debateron sobre tres eixes temáticos: a sostibilidade e rastrexabilidade dos produtos do mar, a contribución da industria á Axenda 2030 da ONU e as finanzas sostibles.

O programa estruturouse en 15 sesións e os relatores ofreceron unha visión global sobre os compromisos, demandas, desafíos e oportunidades que marcan a actualidade da sostibilidade dos produtos do mar nas súas tres vertentes: ambiental, social e económica.

Representantes de asociacións, institucións, actores da cadea de valor dos produtos do mar, investigadores e empresas líderes da industria pesqueira debateron acerca da situación actual e o futuro do sector.

O encontro contou con intervencións de membros da FAO, a UNCTAD, o Pacto Mundial de Nacións Unidas e as Universidades de Santiago e Estocolmo. Houbo relatores do mundo empresarial, como Nova Pescanova, Abanca, Aqua-Spark, Seafoodmatter, IBM ou Porto de Celeiro, así como expertos en sostibilidade de asociacións e outras entidades, como GDST, GSSI, CEPESCA, OPAGAC ou Acuario de Monterrey.

Conclusións

Entre as principais conclusións expostas no primeiro Foro GSSG destacou a importancia do diálogo, a transparencia e o traballo conxunto do sector, de forma equitativa, inclusiva e resiliente; así como a relevancia da investigación. O camiño cara á sostibilidade require de ambición para contribuír ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) marcados na Axenda 2030 da ONU.

Durante a primeira edición do Foro presentouse o Informe SOFÍA 2022 da FAO sobre o estado mundial da pesca e a acuicultura, onde se puxo de manifesto a evolución positiva da xestión das pesqueiras, cun 82% das especies desembarcadas de orixe sostible.

No encontro tamén se puxo en valor a transformación azul, que busca garantir a subministración de alimentos de orixe mariña en equilibrio coa sostibilidade ambiental, onde persoas e planeta estean no centro.

Os relatores coincidiron ademais en sinalar a necesidade de que o sector incorpore os aspectos de sostibilidade á estratexia empresarial, ofrecendo produtos sostibles e trazables para conseguir un océano san e produtivo en 2030.