28 Mai, 2025

O III Foro GSSG destaca a importancia de medir a sostibilidade para cuantificar o progreso

A especialista do programa Sistema Mundial de Observación dos Océanos de COI-UNESCO, Emma Heslop, ofreceu os principais datos deste documento bianual.

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a directora xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Aurora de Blas, e o presidente da Fundación Nueva Pescanova, José María Benavent, inauguraron a terceira edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar GSSG (Global Sustainable Seafood Galicia Forum), que tivo lugar na sede Afundación de Vigo.

Baixo o lema «A medición da sostibilidade», o terceiro Foro GSSG contou cunha participación de 350 asistentes (presencial e en liña) de 30 países, cifra que supera á rexistrada na edición anterior, consolidándose como cita destacada do debate sobre sostibilidade no sector da pesca e acuicultura.

Durante a inauguración, e ante numerosos representantes de institucións, organizacións e empresas do sector, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, resaltou a importancia da sostibilidade no sector e anunciou, desde o Goberno galego, a defensa ante Bruxelas dunha revisión da Política Pesqueira Común, «para que garde un equilibrio entre os factores ambientais, económicos e sociais, dando como resultado unha xestión pesqueira que responda dunha forma realista aos retos actuais do sector».

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou que «temos que facer da nosa actividade investigadora e global unha capacidade para trazar o futuro deste planeta», e insistiu ademais na importancia de «escoitar moito aos científicos».

Pola súa banda, o presidente da Fundación Nueva Pescanova, José María Benavent, aludiu á importancia da medición, «que nos permite cuantificar o progreso e saber tamén o camiño que queda por percorrer». A directora xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Aurora de Blas, lembrou que a frota española é «un referente mundial de sostibilidade e bo facer».

Un panel multidisciplinar de 21 expertos nacionais e internacionais participou en Vigo, representando a institucións, asociacións, entidades de investigación e empresas líderes do sector da pesca e a acuicultura.

Os expertos achegaron diferentes visións e perspectivas sobre a situación, as prioridades e os desafíos aos que se enfronta o sector da pesca e a acuicultura na medición da sostibilidade. Recolléronse así mesmo boas prácticas, prioridades, retos e necesidades na procura da estandarización e simplificación da medición.

Colaboración activa do sector

O foro iniciou as súas sesións coa presentación do Informe sobre o Estado do Océano 2024, a cargo da especialista do programa Sistema Mundial de Observación dos Océanos de COI-UNESCO, Emma Heslop, que ofreceu os principais datos deste documento bianual elaborado por 98 autores de 26 países, entre eles España.

O informe sinala a importancia do océano como provedor de alimento para unha poboación crecente e indica algunhas áreas para xestionar, como o aumento de nitróxeno e fósforo nas augas, a contaminación de plásticos ou o quecemento do mar e a súa acidificación. Tamén se refire ao risco de tsunamis ou ao incremento do nivel do mar.

Heslop destacou a observación do océano como unha ferramenta esencial para xestionar os riscos e identificar demandas futuras, asegurando industrias sostibles. Con máis de 8.000 plataformas de observación en 84 países e 120.000 análise diaria, o 75% do océano aínda permanece fóra do mapa de observación, ademais de persistir unha diferenza de coñecemento entre as augas do hemisferio norte e as do sur.

Tras eloxiar a colaboración que a COI mantén actualmente con redes de barcos pesqueiros de Australia –entre outros países– na captura de datos, Heslop chamou aos participantes do foro á colaboración activa e convidou o sector a incorporarse ao programa FVON (Fishing Vessel Observing Netword) de captura de datos a través das súas frotas.

A continuación, desenvolvéronse as cinco mesas de debate sobre a medición da sostibilidade, centradas no diferentes pero complementarias visións de Ongs, cadea de valor, ciencia, institucións e finanzas.

A visión europea do sector chegou desde a área de Pesca e Océanos da Comisión Europea, a cargo do asistente de políticas do Comisario, Antonio Basanta, quen anticipou algunha das claves do Pacto polos Océanos e recalcou a importancia de recuperar en Europa competitividade na xestión do sector. Tras as sesións, o codirector do Foro GSSG, Ángel Matamoro, sintetizou as conclusións do encontro, que serán publicadas proximamente.

A clausura da xornada correu a cargo da directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Patricia García, e o presidente da Fundación Nueva Pescanova, José María Benavent.