Marta Costas, directora da Fundación Nueva Pescanova e codirectora do Foro GSSG, Isaac Rosón, director xeral de Pesca, Innovación Tecnolóxica e Acuicultura da Xunta de Galicia, e Ángel Matamoro, codirector do Foro GSSG.
A cuarta edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar (GSSG), que terá lugar en Vigo o próximo 28 de abril, deu a coñecer a súa axenda. O director xeral de Pesca, Innovación Tecnolóxica e Acuicultura da Xunta de Galicia, Isaac Rosón; a directora da Fundación Nova Pescanova e codirectora do Foro, Marta Costas; e o codirector do Foro GSSG, Ángel Matamoro, presentaron o lema do próximo encontro, Responsabilidade e impacto, e o seu ambicioso programa, que reunirá a un panel internacional de 18 expertos. Espérase unha participación de 300 asistentes.
Na presentación, o director xeral de Pesca, Innovación Tecnolóxica e Acuicultura, Isaac Rosón, referiuse a Galicia como “un referente internacional indiscutible na xestión responsable dos recursos mariños; foros como o GSSG son o mellor escaparate para poñer en valor o noso modelo”. Indicou ademais que a temática desta cuarta edición, centrada na análise da responsabilidade e o impacto, entronca directamente coa folla de roteiro do Gobierno galego: “garantir que a nosa actividade pesqueira, marisqueira, acuícola e transformadora siga sendo un motor económico e social vital, asegurando sempre a conservación e o equilibrio dos nosos ecosistemas mariños”.
Pola súa banda, a directora da Fundación Nova Pescanova e codirectora do Foro, Marta Costas, insistiu na importancia do lema do debate, “en como as actuacións responsables do sector de produtos do mar, ao longo de toda a cadea de valor, impactan de forma positiva no planeta e as persoas, dando así continuidade á pasada edición, onde falamos sobre a medición da sustentabilidade”.
O codirector do Foro, Ángel Matamoro, repasou as cinco mesas de discusión que comprende esta cuarta edición –esquemas de certificación, carbono azul, desenvolvemento socioeconómico, redución do desperdicio e Áreas Mariñas Protexidas–, cunha conferencia de apertura sobre o programa Transformación azul da FAO e o peche centrado na economía de impacto: “Imos reunir en Vigo a figuras e entidades de primeira orde, contribuíndo así ao progreso do sector en materia de sostibilidade”
Relatores
Representantes de institucións, asociacións, entidades de investigación, ONG e empresas líderes do sector da pesca e a acuicultura achegarán diferentes visións, retos e boas prácticas de actuacións responsables que axuntan mellora e impacto. Por cuarto ano consecutivo, Galicia será epicentro do diálogo global sobre sostibilidade dos produtos do mar.
Entre os relatores do cuarto Foro GSSG, figuras destacadas inclúen a consultora internacional da FAO Diana Fernández de la Reguera; o director executivo do Marine Stewardship Council (MSC), Rupert Howes; a coordinadora ambiental da Cámara Nacional de Acuicultura do Ecuador, Simone Maridueña; a alcaldesa de Lüderitz, Brigitte Fredericks; a directora de Sostibilidade e Competitividade da FIAB, Paloma Sánchez; a responsable de Planificación e Xestión Sostible dos Océanos da UNESCO, Fanny Douvere; e o director executivo da World Benchmarking Alliance (WBA), Gerbrand Haverkamp.
As inscricións para participar no encontro permanecerán abertas ata o 24 de abril, ás 14.00 horas, tanto na modalidade presencial como en liña.
