Por segundo ano, o Foro GSSG reuniu en Vigo a expertos internacionais para debater sobre sostibilidade de produtos do mar. Partindo dunha visión asimétrica, analizáronse as diferentes posicións dos actores da cadea de valor para afrontar mellor o reto común da sostibilidade. O foro pechouse cunha exposición de conclusións, destacando a colaboración, o diálogo e o traballo conxunto como requisitos indispensables para gañar o futuro preservando o océano, así como a colaboración coa ciencia para responder as esixencias ambientais e asegurar un océano limpo, resiliente e produtivo para xeracións futuras.
A segunda edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar tivo lugar os pasados 11 e 12 de novembro na sede Afundación de Vigo. Catorce expertos internacionais tomaron parte nas súas seis sesións, que lanzaron conclusións específicas.
A responsable de Pesca do Equipo de Desenvolvemento da Cadea de Valor da FAO, Nada Bougouss, abriu a primeira sesión coa presentación do Informe SOFIA 2024, documento bianual que resalta, na súa última edición, o potencial da acuicultura sostible para responder á demanda crecente de produtos do mar, garantindo a seguridade alimentaria e o emprego dun sector para o que FAO prevé un crecemento do 35% de aquí a 2030. Segundo o informe, a produción mundial da acuicultura superou por primeira vez á pesca de captura no ano 2022. Ademais, as capturas das dez primeiras especies pesqueiras proveñen nun 78,9% de stocks biológicamente sostibles.
Bougouss incidiu na transformación azul proposta por FAO como guía para un océano saudable, baseada na acuicultura sostible, a ordenación eficaz do sector pesqueiro e o perfeccionamento das cadeas de valor, de forma que se garanta a viabilidade social, económica e ambiental dos sistemas acuáticos mariños.
A asimetría Norte-Sur foi o lema da segunda sesión, que contou coa viceministra de Pesca e Recursos Mariños de Namibia, Silvia Makgone, como relator da visión do Sur, e con Árni M. Mathiesen, asesor senior da Agrupación industrial Oceánica de Islandia, para ofrecer a visión do Norte. Namibia é recoñecida pola súa acertada xestión da pesca e acuicultura. Makgone defendeu a cooperación rexional e os acordos internacionais para combater a pesca ilegal, ademais de incidir na importancia da investigación e o emprego/desenvolvo social para asegurar o crecemento.
Para Árni M. Mathiesen, exministro de Finanzas e de Pesca en Islandia e exdirector de Pesca da FAO, o reto actual de Islandia apunta á tecnoloxía, a fin de optimizar o valor das capturas: a aposta é consolidar unha industria altamente tecnificada e regulada. Ambos debateron na mesa redonda posterior, moderada por Øyvind Ihle, CEO de Global Sustainable Seafood Initiative (GSSI), coincidindo na importancia da colaboración, e no papel da investigación e a ciencia para afrontar os retos ambientais.
Regulación ou voluntariedade foi o eixo da terceira sesión, que contou coa participación do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Antonio Basanta, quen expuxo a visión regulatoria desde a posición dunha das rexións pesqueiras máis importantes de Europa, como é Galicia. Basanta defendeu a necesaria adaptación sector-administración, propiciando unha regulación que reflicta a realidade operativa e fomente a responsabilidade compartida na xestión dos recursos.
Emily Howgate, líder de Ligazón da área Océano da WBA, falou de voluntariedade, ilustrando as vías de compromiso coa actividade sostible de forma voluntaria e transparente desde as empresas, máis aló da regulación.
Na mesa redonda posterior, coordinada por Susan Steele, directora executiva da Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA), incidiuse no necesario equilibrio entre a liberdade/creatividade do compromiso voluntario e a responsabilidade do marco regulatorio, que ha de brindar estrutura e claridade para todos.
Dimensión, economía e ciencia na segunda xornada
Para abordar a cuarta sesión sobre a asimetría entre grandes e pequenos actores, o Foro contou con Dave Robb, responsable de Sostibilidade do Grupo Cargill Aqua Nutrition e membro de Seafood Business for Ocean Stewardship (SeaBOS), quen ilustrou como esta organización apóiase fortemente na investigación, avogando polas certificacións e regulacións internacionais para maximizar a eficiencia e a seguridade nas súas operacións globais.
O presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores de España, José Basilio Otero, ofreceu o contrapunto coa visión dos pequenos actores, que debe implicar un enfoque ecosocial de futuro, centrado na ecoloxía, as persoas e a comunidade. Otero destacou a inclusión social e a gobernanza local como elementos crave para a sostibilidade a longo prazo. A mesa redonda estivo moderada por Nuno Cosme, director corporativo de Sostibilidade e RSC do Grupo Nova Pescanova, quen apoiou a idea de colaboración, diálogo e divulgación para lograr un sector máis sostible, independentemente do tamaño dos actores.
O financiamento sostible/azul tivo o seu espazo na quinta sesión, onde o presidente do Observatorio Español do Financiamento Sostible, Julián Romero, explicou como esta pode achegar estabilidade económica e beneficios ambientais, constituíndo o futuro para unha economía equilibrada e resiliente.
Fridrik Fridriksson, conselleiro xeral da empresa islandesa BRIM, presentou a continuación unha experiencia de éxito: a emisión de bonos azuis pola súa compañía en relación con proxectos de eficiencia enerxética e descarbonización das operacións ao longo de todo o proceso. Ambos destacaron o valor do coñecemento interno nas empresas para identificar os proxectos elixibles, así como a súa verificación e seguimento posterior para abordar os procesos de financiamento sostible. A mesa redonda posterior estivo moderada por Javier Fraga, director de Abanca Mar, que lembrou a necesidade de colaborar actores financeiros e industria para que o financiamento sostible contribúa aos obxectivos do sector na materia.
A investigadora e directora do Instituto Español de Oceanografía (IEO), Mª Carmen García, pechou o Foro representando á ciencia, que debe ser eixo central para garantir a sostibilidade mariña, aínda que sen esquecer os aspectos sociais, económicos e ecolóxicos. Lembrou García que é imprescindible a colaboración global para facer fronte ao desafío do cambio climático, á redución de capturas accidentais e á resiliencia fronte aos impactos ambientais. A transformación azul require, como concluíu, da colaboración entre distintos sectores, de investimento público e de metas claras a nivel global.