O Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar (GSSG) celebrará en Vigo a súa terceira edición o próximo 28 de maio baixo o lema A medición da sostibilidade. Nesta ocasión, o encontro ofrecerá a profesionais e expertos vinculados ao sector un diálogo aberto e plural sobre a situación, prioridades e desafíos aos que se enfronta o sector ante o reto de medir a sostibilidade.
A sostibilidade dos produtos do mar é un obxectivo compartido: implica actuar responsablemente, preservando os recursos naturais para proveito de xeracións presentes e futuras, e xerando ademais valor económico e social.
O sector e os seus grupos de interese afrontan o reto de medir a sostibilidade. Por unha banda, ha de cumprirse a normativa vixente; pola outra, hai que identificar aqueles indicadores de medición que respondan a un dobre obxectivo: achegar valor e eficiencia á empresa e asegurar, ademais, un impacto positivo na sociedade e a contorna. O reto común é seguir avanzando.
Diferentes perspectivas
O terceiro foro GSSG profundará no tema da medición desde cinco perspectivas: ONGs, cadea de valor, institucións, ciencia e finanzas teñen a súa propia visión acerca da medición, que serán exploradas en cinco sesións específicas, coa participación de vinte e un expertos nacionais e internacionais na materia. A diversidade de visións, experiencias, prioridades, retos e mellores prácticas permitirá, ao final do encontro, establecer recomendacións, necesidades e conclusións que contribúan á mellora en materia de sostibilidade.
A segunda edición do Foro GSSG, que tivo lugar en novembro de 2024 baixo o lema Unha visión asimétrica da sostibilidade, reuniu en Vigo a catorce relatores internacionais e lanzou conclusións destacadas: o futuro do sector está en preservar a saúde do océano; a resposta aos retos ambientais esixe unha imbricación coa ciencia, a investigación e a divulgación; para gañar o futuro é necesaria a cooperación e o traballo conxunto.
Diálogo, colaboración, transparencia e ambición son elementos crave no camiño cara á sostibilidade dos produtos do mar, e a medición mostra como seguir avanzando.