08 Abr, 2026

Cuarto foro GSSG: O impacto positivo de actuar responsablemente

O próximo 28 de abril, dezaoito expertos reuniranse en Vigo para debater sobre Responsabilidade e impacto.

A cuarta edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar (GSSG) é inminente: o próximo 28 de abril, dezaoito expertos nacionais e internacionais reuniranse en Vigo para debater sobre Responsabilidade e impacto.

Baixo este enfoque, o novo encontro vai incidir en como as actuacións responsables do sector dos produtos do mar, ao longo de toda a cadea de valor, impactan de forma positiva no planeta e as persoas. A cuarta edición consolida o Foro GSSG como cita internacional destacada en materia de sostibilidade dos produtos do mar.

Abrirá o foro Diana Fernández de la Reguera, consultora de FAO, quen explicará a estratexia Transformación azul e detallará a súa folla de roteiro e primeiros resultados. Pechará a xornada Gerbrand Haverkamp, director de World Benchmarking Alliance (WBA), referíndose á economía de impacto. No medio, os expertos convocados debaterán sobre Responsabilidade e impacto desde cinco áreas distintas: esquemas de certificación, carbono azul, desenvolvemento socioeconómico, redución do desperdicio e Áreas Mariñas Protexidas, todos temas relevantes para o sector.

Por cuarto ano consecutivo, Galicia, rexión líder en pesca, acuicultura e transformación de produtos do mar, consolida o seu papel destacado no diálogo global sostible e lidera o debate. Representantes de institucións, asociacións, entidades de investigación, ONG e empresas líderes do sector da pesca e a acuicultura achegarán visións e experiencias de actuacións responsables que axuntan mellora e impacto.

O Foro é unha iniciativa da Fundación Nova Pescanova, co apoio da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Grupo Nueva Pescanova e Abanca.

Edición 2025

A terceira edición do Foro GSSG, que tivo lugar en maio de 2025 baixo o lema “A medición da sustentabilidade”, reuniu en Vigo a 21 relatores internacionais e contou coa participación (presencial e en liña) de 350 asistentes de 30 países.

Os expertos debateron sobre como identificar os parámetros crave –no económico, social e medioambiental– para medir a sostibilidade, achegando diferentes perspectivas sobre a situación, as prioridades e os desafíos de medición aos que se enfronta o sector. Ademais, identificáronse boas prácticas, retos e necesidades para estandarizar e simplificar a medición.